Radio Ordes

O Concello de Ordes anima aos veciños e veciñas a participar na campaña “Comparto Coche”

Ordes, 4 de novembro de 2011: O Concello de Ordes anima aos veciños e veciñas do municipio a participar na campaña “Comparto Coche” posta en marcha polo departamento de Medio Rural e Desenvolvemento Ecolóxico e Sostible que dirixe o edil José Luis Gómez Candal.

Nesta ocasión baixo o título “Comparto Coche” o Concello de Ordes pon a disposición dos veciños e veciñas un servizo que facilita o encontro de persoas que estean interesadas en compartir vehículo para realizar traxectos rutinarios de traballo, estudos, etcétera.

A través desta iniciativa, preténdese que compartindo coche se reduzan o número de vehículos que circulan polas estradas, disminuir os atascos, o consumo enerxético e a contaminación, ademais de que os participantes poidan aforrar combustible.

Todos aqueles que estean interesados en participar nesta campaña poden recibir máis información e inscribirse no departamento de Medio Rural e Desenvolvemento Ecolóxico e Sostible do Concello, chamando ao teléfono 981680002 ou ben a través do perfil de facebook “Medio Ambiente Ordes”, no que poderán encontrar ademais outras actividades e iniciativas que leva a cabo o Concello en materia de medio ambiente.

Os participantes cubrirán unha ficha facilitando os horarios e percorridos que estarían interesados en compartir con outros usuarios, servindo así o Concello como intermediario para poñer en contacto a todos aqueles que coincidan en destino e hora para compartir vehículo.

Dende o Concello animan aos veciños a que participen nesta iniciativa a través da que, ademais de contribuir á preservación do medio ambiente, tamén se facilita o aforro de combustible aos participantes, tendo en conta ademais o momento de crise que vive o país.

 

Agradecementos

Dende Radio Ordes queremos darlle as grazas a tódolos veciños que fan posible esta radio estando día a día a carón dos seus transistores. Grazas tamén o noso equipo e goberno por traballar connosco na procura dun servicio útil e de calidade para tódolos veciños, tanto do concello como da comarca.